CRTVG

Buscar

Un pneumólogo do Hospital de Pontevedra, entre os mellores médicos de España segundo Forbes

Publicado o 10/11/2020 14:48

Na guía que elaborou Forbes figuran 165 médicos de 27 especialidades que exercen tanto en centros públicos coma privados. Tiveron en conta a súa traxectoria profesional, as súas investigacións, os recoñecementos e galardóns pero sobre todo o que máis lle enorgullece a Adolfo Baloira é que tamén contaron coa opinión dos seus pacientes.

"Está moi ben que os teus compañeiros te recoñezan, pero que un paciente che mande unha carta ou se vaia contento ou che diga que está encantado de que ti sexas o seu médico pois iso si que realmente me produciu case emoción", cóntanos Adolfo Baloira, xefe do servizo de Pneumoloxía do CHOP.

O doutor Baloira é o responsable da unidade poscovid que creou o CHOP para estudar as secuelas que deixou o virus nos pacientes máis graves e os resultados son esperanzadores.

"A maior parte dos pacientes 3, 4 meses despois non teñen ningún problema e soamente hai algúns casos que quedan algunha fibrose residual e soamente temos un paciente que precisa tratamento específico  para a fibrose dos pulmóns", comenta Adolfo Baloira, xefe do servizo de Pneumoloxía do CHOP.

Apunta que os virus en espazos pechados permanecen moito máis tempo en suspensión que nos abertos onde o vento e o aire os dispersa rapidamente. Insiste na ventilación, no uso sempre da máscara e en manter as distancias e sobre todo opina que carrexa un menor custo social a disciplina e a responsablilidade que chegar ao confinamento.

Noticias web

10/11/2020