CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Serán

Un plan pioneiro recupera na Limia a avefría, un paxaro en perigo de extinción

Publicado o 01/06/2015 20:52



A Sociedade Galega de Historia Natural está a desenvolver na Limia un proxecto único en España para recuperar a avefría, un paxaro en perigo de extinción. Constrúen de xeito artificial as veigas en que recriaban e que o progreso levou por diante.

Fíxense ben neste paxaro porque terán moi poucas oportunidades de velo. É a avefría e está en perigo de extinción. En Galicia só hai quince parellas, practicamente todas na Limia, onde lle chaman choromicas polo seu canto peculiar.

A causa principal da desaparición das choromicas foi a perda das zonas húmidas por mor da desecación, das concentracións parcelarias e da intensificación agrícola. A Sociedade Galega de Historia Natural traballa agora para a súa recuperación desenvolvendo unha iniciativa única en España. Mercaron estas terras da chaira da Limia e están construíndolle o seu hábitat guiados por outras experiencias no estranxeiro.

"En base a estudos do Reino Unido sabemos como había que deseñar esta parcela, modificala para restaurala. Inspirámonos en como eran antes as antigas veigas, é dicir un nivel de auga pequeno no máis grande dos casos 70 ou 80 centímetros de auga no inverno que vai diminuíndo pouco a pouco pero que mantén o solo enchoupado con zonas secas tamén para que críe e zonas enchoupadas para que se poidan alimentar os poliños".

Teñen esperanza, agardan que o resultado sexa tan bo coma o que obtiveron coa cegoña, nos anos 80 había 9 parellas na Limia e grazas ao traballo desta ONG hai hoxe unhas cen.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí