CRTVG

Buscar

Un pitbull ataca unha cadela na praia da Calzoa, en Vigo

Publicado o 06/04/2021 14:19

Berta é un bichón maltés de tres quilos que foi atacada por un pitbull na praia da Calzoa. Os seus donos contan que o areal estaba vacío e pedíronlle o dono do outro can que non o soltase ata que marchasen, e o que fixeron foi liberalo da cadea. Estaban a uns 50 metros e o pitbull foi directo cara eles, volteando polos aires o home cando tentaba defender a súa cadela.

"Deime nas costas, no ombreiro e cando me deu tempo a erguerme, xa tiña semellante animal coa miña cadela nas súas fauces coma se fose un trapo", di o dono da cadela, Jesús Sandoval.

Foron uns minutos eternos para poder liberala e Jesús, que é médico, tivo que facer manobras para reanimala, porque xa non respiraba. Afortunadamente, o ataque non afectou órganos vitais, pero esgazoulle toda a musculatura. O que lamentan é a actitude do dono do can de raza perigosa, que mesmo o increpou cando tentaba salvar a vida da súa cadela.

Conta un veciño que "marcharon e o tipo aínda seguía ameazando o home e a muller que ían coa cadeliña nos brazos e dicíalles 'Ven para acá!' coma se isto fose un circo romano". Os veciños denuncian o abandono da praia da Calzoa e a falta de vixilancia ante a proliferación de cans perigosos soltos e sen bozo.

"Pasoulle a miña cadela, pero pode pasarlle un neno ou unha persoa maior, porque eu estaba no aire, caín, e se o can, no lugar de ir pola miña cadela, vén por min...", afirma Jesús. "Aquí ven xente con razas perigosas, veñen por aquí á deriva, hai nenos polo medio, menos mal que non lle pasa a un crío, un día vaille pasar a un crío ", comenta un veciño.

O pitbull fora dado en adopción por unha protectora de animais, que cando soubo dos feitos contactou cos donos para facerse cargo dos danos.

Noticias web

06/04/2021