CRTVG

Buscar

O patrón do barco apresado hai 21 días en Guinea Conakry non sabe por que os reteñen

Publicado o 08/05/2019 08:45

• O patrón, de Seixo, é o único galego a bordo: "Non nos aclaran por que nos reteñen"

• Piden axuda a España tras case tres semanas de retención

Son imaxes da tarde de onte. O pesqueiro galego Portomayor segue atracado no porto de Conakry, na República da Guinea. As forzas da orde retiráronlles os pasaportes e as cartillas marítimas a todos os tripulantes. Así que, se saen do porto, poderían ser arrestados. As autoridades pesqueiras din que non teñen permiso de descarga. O armador asegura que non é certo e que todo comezou porque denunciaron unha empresa local que leva 3 mareas sen pagarlles o peixe.

Óscar Estévez, armador do Portomayor: "E xa na terceira marea denuncieina e o xuíz deume a razón para finalizar o contrato e autorizoume a descargar a mercadoría para poder vendela e comprar víveres. E o Ministerio di que non temos permiso de descarga e por iso nos apresaron. Eu tiven unha conversa co ministro hai uns días preguntándolle cal era o motivo para estar aquí pero non me dixo nada. Deume a entender que non lles gustara que fósemos á xustiza saltando o ministerio".

O patrón do barco é veciño de Seixo, en Marín. Os mariñeiros, de varios países africanos. Teñen comida e auga e todos están en boas condicións. Pero no pesqueiro hai 50 toneladas de peixe que non poden vender. A armadora leva traballando en África dende os 80 e nunca tivo un problema semellante. Agora fai un chamamento ás autoridades españolas para que axuden a resolver esta situación.

Noticias web

08/05/2019