CRTVG

Buscar

Un peregrino belga está a facer o Camiño de Santiago nun tractor

Publicado o 18/07/2019 14:32

Este tractor leva quince días percorrendo o Camiño Francés dende Bélxica. O seu condutor é un agricultor flamengo xa xubilado que quixo facer deste particular xeito o Camiño de Santiago tras sobrevivir a un cancro de ril.

Theo Jammars, peregrina dende Bélxica no seu tractor: "A principal razón é que me gusta conducir o meu tractor, que é algo que fixen toda a vida. Cando enfermei, tiven que vender a miña granxa, pero tiven sorte e curei do cancro, así que decidín agradecelo indo dende Bélxica a Santiago. Para agredecerllo ao Apóstolo e para ver a xente, as paisaxes e os agricultores nas leiras como fixen toda a miña vida".

Theo Jammars, de 62 anos, mercou un tractor novo especificamente para facer esta ruta xacobea. Montado no vehículo agrario, que ten 50 cabalos fiscais, percorre diariamente máis de cen quilómetros.

Theo Jammars, peregrina dende Bélxica no seu tractor: "Basicamente imos só por estradas secundarias e percorremos entre 100 e 120 quilómetros ao día. Non hai grandes problemas, agás nas grandes cidades, onde a xente vai con présa e te tes que botar á beira. Así que tratamos de rodealas e de ir por estradas secundarias. É bonito e fácil, posto que só tes que sentar e conducir".

Na peregrinación, o tractorista conta co apoio loxístico que lle presta a súa dona. Unha vez chegue a Compostela, prevé tardar dous meses en volver a Flandres en solitario.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/07/2019