CRTVG

Buscar

Un alemán chega a Santiago en tractor clásico tras unha peregrinación de catro meses

Publicado o 08/07/2020 15:16

O Camiño deixa ás veces estampas curiosas, e hoxe é un deses días. Chegou a Compostela un peregrino alemán a bordo dun tractor clásico, e logo de case catro meses de odisea por Europa.

Xa case pode tocar o destino co que saíu da casa en marzo. Chámase Jens Lieber, vén de Hannover, en Alemaña, e quixo coñecer Compostela porque cre que é un lugar precioso para vir polo menos unha vez na vida.

O caso é que vén a lombos dun tractor dos anos 50. Pero se lle levou catro meses chegar foi porque quedou bloqueado en Francia pola crise sanitaria, non pola velocidade do seu clásico.

"A velocidade é pouca, pero está ben, quedei contento", di.

O tractor tamén tira da que é a súa casa nestes meses, e aínda lle queda viaxe por diante. De Santiago a Fisterra e, despois, visita a Córdoba. Vai completar o tour en Francia e Italia e, a uns corenta quilómetros por hora e sen présa, conta chegar de volta a Hannover en setembro.

 

Noticias web

08/07/2020