CRTVG

Buscar

Un percorrido polos últimos 50 anos da canción galega a través da Escola de Música de Santiago

Publicado o 21/06/2019 23:18

Neste Día da Música a Escola Municipal de Música e Danza de Santiago quixo facer un percorrido polos últimos 50 anos da canción galega. Así se chama a homenaxe que hoxe lle renderon á música do país os alumnos canda artistas como Guadi Galego, Xabier Mera ou Ramón Bermejo.

Son os rapaces da escola de música de Santiago de Compostela. Neste Día da Música quixeron pechar o seu curso rendéndolle unha homenaxe á música galega cun festival que recorde as cancións inesquecibles do noso pasado, pero tamén do presente.

Pablo Pascual, Responsable da escola: "Poñer en valor aspectos relacionados coa música galega que son descoñecidos para unha poboación moi importante do alumnado que temos na escola máis cativo, pero non só o máis cativo tamén o maior, que moitas veces non coñece".

Neste percorrido polos últimos 50 anos da música, a Escola quixo concentrar os seus esforzos en transmitir o noso legado musical a todo o seu alumnado. Algúns mesmo abriron o seu gusto musical cara a outras opcións.

Para poñer voz aos acordes de Andrés do Barro, Golpes Bajos ou Siniestro Total tamén participan no festival intérpretes do panorama galego como Xabier Mera ou Guadi Galego.

Guadi Galego, compositora e intérprete: "temos unha necesidade de transmitir o legado a novas xeracións e achegarse a eles é fundamental"

Unha transmisión que só se atalla a través do traballo cos máis novos que se achegan, con iniciativas coma esta, a unha partitura que seguirán escribindo eles.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/06/2019