CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Un percorrido polas celebración do Día do Orgullo Gay

Publicado o 29/06/2018 21:44



Este mes celébrase por medio mundo o Día do Orgullo, unha festa que medra en cada edición e á que cada vez se suma máis xente. Galicia non é unha excepción.

Fíxense nesta señora. Digamos polo momento que é galega e que vai ser famosa dabondo por algo relacionado con esa bandeira que probablemente estean a ver vostedes con máis frecuencia estes días, este mes. Unha bandeira que medra, que medra e que medra.

Medra o día do Orgullo, celebrado por todo o mundo para conmemorar aquela noite de xuño de 1969 nun bar de Nova York. A comunidade homosexual decidiu enfrontarse á enésima redada da policía contra eles. Contan que, cando estouparon os duros enfrontamentos, no bar Stonewall Inn soaba Over the rainbow.

Todo un himno da serpe de cores que hoxe voa entre a reivindicación e a festa cunha mensaxe moi clara.

"Queremos respecto, queremos amar a quen nos dea a gana."

En México morreron asasinadas nos últimos anos medio cento de persoas trans.
A transexualidade, a bisexualidade e a homosexualidade son aínda perseguidas en 72 países.

Famosos son os ataques homófobos en Rusia. Por iso en pleno Mundial un grupo de ingleses reivindican timidamente, pero reivindican, aproveitando o eco futboleiro, os dereitos do colectivo LGTB.

Ademais das bandeiras das seleccións, florece estes días esta bandeira internacional.

En Madrid xa saíu á rúa. Hoxe empeza a festa do Orgullo que volverá sacar carrozas, pero xa houbo unha manifestación de adianto.

"Conmemorar a primeira manifestación do Orgullo do 25 de xuño de 1978."

Daquela pedían a derrogación da lei de perigosidade social.
Agora non se pensa en vagos e maleantes. Agora váiselle deixando paso libre ao respecto.

Algo que... vai sorprendendo menos.

"En que pensas?". "Non sei. En que estaría contigo outros corenta anos máis."

O concello de Madrid promociona o día do Orgullo con este vídeo protagonizado por mulleres, igual ca o cartel deste ano do festival Agrocuir. Sen pertencer ao colectivo LGTB, esta avoa de Monterroso non dubidou en poñerlle rostro ao evento agrogay.
O seu mandil e o seu corno, xuntos, demostran que o respecto xa non é unha fantasía.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

29/06/2018