CRTVG

Buscar

Antifascistas enfróntanse a cánticos con simpatizantes de Vox na Coruña

Publicado o 22/04/2019 20:09

Media hora antes do comezo na Coruña do mitin do presidente de Vox, Santiago Abascal, un grupo de medio centenar de persoas reuníronse diante das instalacións de Palexco baixo a consígna Fascismo nunca máis, mentres arredor de medio milleiro persoas gardaban cola para acceder ao recinto.

Os concentrados, un grupo de persoas novas -moitos menores de idade- corearon diferentes mensaxes como "fascistas, fóra das nosas rúas", "Galiza ceibe, poder popular", "vós fascistas sodes os terroristas", "A Coruña será a tumba do fascismo", "Puta España" ou "que pouquiños sodes", mentres do outro lado do enreixado respondían con vivas a España e "fóra, fóra, fóra".

O maior momento de tensión viviuse cando o grupo chamado antifascista forcexou durante uns segundos coa policía antidisturbios, a quen proferiu varios insultos como "asasinos a soldo abuso de poder" ou "oxalá morras de fame". Cos ánimos menos caldeados, os cánticos repetíronse e engadiron algunha mensaxe nova como "A Coruña prepárase para a revolución".

Moitos dos asistentes ao mitin de Santiago Abascal, dun amplo abano de idades, esperaron unha hora para entrar no complexo do recinto de exposicións Palexco. Durante a espera berraron o nome de Abascal e gritaron "Viva España!" e "Viva a policía!", á vez que aplaudían.

Noticias web

22/04/2019