CRTVG

Buscar

Un peón e dous motoristas, vítimas mortais nas estradas galegas esta fin de semana

Publicado o 09/09/2019 12:39

Esta fin de semana deixou tres mortos nas estradas da nosa comunidade e en apenas 12 horas.

O primeiro accidente mortal tivo lugar o venres á medianoite en Ribeira, cando un home de 62 anos perdía o control da moto en que circulaba por unha estrada de Oliveira. Saíu da vía e impactou contra a calzada, o que lle causou a morte no acto.

Pouco antes das dez da mañá do sábado, un veciño da Estrada de 83 anos de idade era atropelado no centro da vila mentres cruzaba correctamente por un paso de peóns. O suceso tivo lugar á altura da praza do Concello, e debido á gravidade do impacto foi mobilizado o helicóptero medicalizado, pero nada puideron facer por salvarlle a vida.

O terceiro dos sinistros mortais ocorreu en Ourense, concretamente na Nacional 525, á altura do barrio do Couto. Ás 11 e cuarto da mañá producíase unha colisión entre un turismo e unha motocicleta. O condutor do coche fuxiu, polo que foron outras testemuñas as que, alertadas polo estado do motorista, que permanecía tendido na estrada, avisaron os servizos de urxencias e a Policía. O condutor da motocicleta, un portugués de 37 anos, foi trasladado en estado grave ao hospital, onde morreu pouco despois.

O turismo implicado, un Audi, foi atopado preto do lugar do accidente, en Rabo de Galo. Agora a Policía Local e o Corpo Nacional de Policía de Ourense manteñen unha investigación aberta para dar cos dous ocupantes do vehículo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/09/2019