CRTVG

Buscar

Un pasteleiro do Carballiño fai unha réplica en chocolate da igrexa da Veracruz

Publicado o 13/03/2018 14:21

E agora imos contarlles dunha sobremesa que está causar auténtica sensación no Carballiño. Un pasteleiro da vila foi quen de reproducir en chocolate nada menos que a igrexa da Veracruz. Pero non é este o seu primeiro desafío, cada ano un monumento emblemático de calquera punto do globo pasa a formar parte do escaparate da súa pastelería. 

Esta é a igrexa da Veracruz, o monumento máis emblemático do Carballiño. E esta a súa réplica máis doce: dous metros e dezaseis centímetros de alto e máis de 200 quilos de chocolate.

Desta volta foron quince días de traballo intenso, pero o certo é que Xosé é xa un experto nestas artes, leva tres décadas reproducindo en chocolate algúns dos monumentos máis coñecidos, e deixando sorprendidos boa parte dos seus veciños. Polas súas mans pasaron xa a catedral de Santiago e o seu botafumeiro, a torre de Pisa e a Eiffel, un avión supersónico ou o arco do triunfo entre outros moitos.

E non vaian pensar, isto non é un adorno, Xosé sempre doa as súas grandes obras en chocolate, desta volta será a sobremesa para os milleiros de persoas que asistan a probar a tapa de polbo xigante que preparan cada ano no Carballiño. Mentres e sempre que as temperaturas non suban de máis esta pequena igrexa da Veracruz seguirá a causar o asombro entre todos aqueles que pasen por diante da súa pastelería.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/03/2018