CRTVG

Buscar

Un pan do Porriño, Miga de Ouro de Galicia

Publicado o 21/05/2019 16:11

Luis Miguel Iglesias e Montse Fernández teñen tradición de panadeiros. Montse criouse no forno dos seus pais e Luis tamén se formou alí, xa que traballou con eles desde os 18 anos. O oficio acabou por enganchalos e, con todo o aprendido, crearon a súa propia empresa.

"Está claro que as receitas veñen da casa dos meus pais, a panadería O Cruceiro, de Redondela. Vas cambiando, pero realmente ao final temos receitas que aínda non se tocaron, que son realmente da casa dos meus pais", conta Montse Fernández Costa, panadeira e cofundadora de Amaquía Panadería

Actualmente teñen tres establecementos que empregan 50 persoas, pero seguen gardando tradicións e traballando coas mans.

"Somos unha panadería bastante artesá. Facemos case todo o produto á man, dámoslle moito repouso, moita fermentación, masa madre", explica Luis Miguel Iglesias, tamén panadeiro e cofundador de Amaquía Panadería.

A bola galega, que acaba de ganar a Miga de Ouro que o acredita como o mellor pan de Galicia, segue as mesmas premisas.

"Fixemos un amasado moi lento, 50 minutos de amasado, a velocidade lenta, repouso de 4 ou 5 horas para que mesturase ben os sabores e a cocción tamén moi lenta. E sobre todo o pirucho encima, que é o que denomina o pan galego", engade.

Ademais de manter e recuperar tradicións, Amaquía crea novos sabores, como pan de sementes, de liño, de chía ou integrais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/05/2019