Falecen dous operarios dunha máquina quitaneves en Asturias por mor dun alude
Son os vehículos da UME (a Unidade Militar de Emerxencias), que se incorporaban de madrugada aos labores de busca do segundo operario desaparecido no porto asturiano de San Isidro. Ás once e media da noite de onte xa fora rescatado o primeiro dos traballadores que ían na máquina quitaneve arrastrada polo alude no concello asturiano de Aller, fronteirizo con León.
Algún medio fíxose eco de que o segundo cadáver fora recuperado esta mañá a primeira hora, pero o certo é que á unha desta tarde continuaban os labores de busca, interrompidos durante escasas horas pola noite debido ao mal tempo.
Outro home, que circulaba pola zona, tamén resultou ferido, cunha perna e varias costelas rotas. A alerta sobre a avalancha de neve produciuse pouco despois das tres e media da tarde de onte. Hai unha testemuña, que se salvou da avalancha, e que contou que os dous operarios que perderon a vida baixaron do seu vehículo porque se lles atascou a cheminea da máquina quitaneves. Advertírono do perigo de desprendementos e minutos despois producíase o alude de neve.
O suceso tivo lugar nunha vía, a AS-253, habitualmente moi afectada por avalanchas deste tipo nas invernías. Algúns habitantes da zona lembran que levan vinte anos facendo propostas para preservala dos aludes de neve sen resultados tanxibles.