CRTVG

Buscar

Un operario morreu tras caer desde catro metros de altura, nunha vivenda de Forcarei

Publicado o 16/07/2019 14:12

Ás 17:45 de onte unha chamada ao 112 alertaba dun accidente laboral na parroquia de Aciveiro, en Forcarei. Un home, de 63 anos, que estaba traballando na reparación do tellado desta casa do lugar do Forno, acababa de precipitarse dunha altura de catro metros.

Inmediatamente, un helicóptero medicalizado trasladouse ata a zona para prestarlle as primeiras asistencias e realizar unha evacuación de emerxencia se fose necesario, pero cando chegaron só puideron certificar o falecemento.

Jesús Fernández, veciño do Forno, dixo que o soubo cando sentiu o helicóptero por riba da súa casa e que o obreiro faleceu case no momento, a pesar de que intentaron reanimalo.

O Instituto galego de Seguridade e Saúde Laboral actuou de oficio poñéndose en contacto coa policía xudicial da Garda Civil para colaborar na investigación do sinistro.

Jesús Fernández confirmou que caeu duns catro metros de altura, malia que o andamio estaba ben colocado.

A forense da Estrada ordenou o levantamento do cadáver contra as oito e media tarde. O corpo foi trasladado ao Instituto Anatómico Forense de Santiago para practicarlle a autopsia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/07/2019