CRTVG

Buscar

Sexta vítima mortal por coronavirus en Galicia

Publicado o 20/03/2020 14:38

• É un octoxenario hospitalizado en Monforte con patoloxías previas

• 567 contaxiados, 19 deles ingresados na UCI

Un home de 89 anos que estaba ingresado no Hospital Comarcal de Monforte contaxiado con coronavirus convértese na sexta vítima mortal desta enfermidade en Galicia.

O home tiña múltiples patoloxías previas. É o primeiro morto por esta pandemia que se rexistra na provincia de Lugo. O resto dos falecidos rexistráronse na Coruña e en Vigo.

567 contaxiados en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 567. Deles, permanecen hospitalizados 137, e 19 na UCI. No domicilio están 411 persoas diagnosticadas. A maior parte deles son da área da Coruña, seguida da de Vigo e da de Santiago.

Polo de agora, en Galicia rexistráronse 5 altas de pacientes e 6 falecementos.

O número de diagnósticos incrementouse en máis dun 27 por cento respecto da xornada anterior. 

A incidencia do coronavirus en Galicia é de case 22 casos por cada 100.000 habitantes, por debaixo da media estatal que se sitúa en 37,3 por cada 100.000 habitantes.