CRTVG

Buscar

Acaba no hospital ao caer desde dez metros tras intentar coller un zapato

Publicado o 09/08/2019 19:16

Os veciños da rúa Pardiñas de Ferrol levaron un bo susto este xoves. Contra as doce e cuarto do mediodía comezaron a escoitar gritos de auxilio procedentes dun patio interior. Un home de 86 anos acababa de precipitarse dende unha latura duns 10 metros cando tentaba coller un zapato dunha veciña.

Ata o lugar desprazáronse unha ambulancia medicalizada, unha patrulla da Policía Nacional e outra da Policía Local e os bombeiros de Ferrol. Para chegar ata o home tiveron que forzar a porta dun edificio anexo.

José Antonio Chao, xefe da Policía Local de Ferrol, dixo que o home tivo sorte de caer sobre o tellado de uralita, xa que axudou a frear a caída, que foi dunha altura duns dez metros. Dixo que se non o resultado podería ser moito peor.

Malia a súa avanzada idade, o home estivo consciente en todo momento. Tras recibir os primeiros auxilios no lugar, o octoxenario foi trasladado ao hospital Arquitecto Marcide, onde se recupera das súas feridas.

Ángeles Saavedra, veciña do octoxenario, dixo que puido falar coa familia e que lle dixeron que o home se atopaba estable, pero que rompeu varias costelas.

O home aínda permanece ingresado. Segundo apuntan fontes familiares, atópase estable dentro da gravidade.

Noticias web

09/08/2019