CRTVG

Buscar

Un novo accidente de tractor causa un morto en Castroverde

Publicado o 05/08/2019 13:09

Un accidente de tractor ocorrido este domingo causou a morte dun home de 38 anos de idade na parroquia de Riomol, no concello lugués de Castroverde, o segundo nun mes na provincia de Lugo.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 tivo noticias dos feitos contra ás 20:00 pola chamada dun particular. Segundo informan, a vítima estaba atrapada baixo o vehículo que envorcara nunha leira do lugar de Foguentelle, preto dun parque eólico.

O primeiro en intentar salvarlle a vida foi un irmán da vítima que montaba outro tractor detrás del no momento do accidente. 

Decontado, os profesionais do 112 solicitaron a intervención do 061, que mobilizou un helicóptero medicalizado con base en Ourense. Aínda así, non foi precisa a súa intervención, dado que só se puido confirmar o falecemento desta persoa. 

Trátase do segundo accidente mortal destas características ocorrido nas últimas semanas na provincia de Lugo, xa que o 13 de xullo faleceu no concello do Corgo outro home de 66 anos en circunstancias similares.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí