Un neno falece afogado en Mazaricos durante unha excursión escolar
Un neno do Colexio CEIP Fogar de Carballo faleceu esta mañá afogado no encoro da Fervenza, en Mazaricos, durante unha excursión escolar.
A vítima, de once anos, estaba nunha piragua xunta outros compañeiros, e foron autorizados a bañarse. Nun momento, perdeuse a visión do pequeno, e cando o rescataron estaba falecido.
Os rapaces, uns 40 alumnos, estaban acompañados na excursión na zona de Naturmaz, un parque de aventuras, polo director do centro, un coidador e un profesor.
Efectivos da Policía Xudicial da Garda Civil fixéronse cargo da investigación para aclarar o ocorrido, pero de momento descoñécense as circunstancias que rodean o incidente.
A noticia impactou nos veciños do municipio de Carballo; o propio Goberno local difundiu un comunicado nas súas redes sociais para trasladar o seu apoio aos familiares do menor.
"Consternados pola noticia, no nome de toda a corporación queremos facer chegar as condolencias e a solidariedade do pobo de Carballo á familia do neno, aínda sabendo que non hai consolo posible", lamentaron.
Educación decreta tres días de loito no CEIP Fogar de Carballo
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade decretou tres días de loito oficial sen actividade lectiva no CEIP Fogar de Carballo. Educación fixo chegar a decisión aos pais a través dun comunicado e trasladou o seu máis sentido pésame en nome do Goberno galego aos seus familiares, profesores e compañeiros.
O propio conselleiro do ramo, Román Rodríguez, quixo manifestar o seu apoio a través da súa conta en redes sociais ante este tráxico suceso. "Galicia está conmocionada polo tráxico accidente ocorrido este mediodía en Mazaricos. Quero trasladar o meu máis sentido pésame á familia e seres queridos do neno e o total apoio á comunidade educativa. Descanse en paz", sinalou.
O departamento autonómico trasladou o seu apoio "especialmente" aos seus compañeiros e profesores do CEIP Fogar de Carballo, "sendo conscientes de que non existen palabras que minoren a terrible dor deste momento". Neste sentido, trasladaron a Europa Press que están en contacto coa dirección do centro para facilitar "todo o apoio que sexa necesario nunha situación como esta", do mesmo xeito que se puxeron a disposición das autoridades xudiciais que centralizan a investigación dos feitos.