CRTVG

Buscar

Un neno de Nixeria conmove as redes nun vídeo danzando baixo a chuvia

Publicado o 13/08/2020 15:37

Bailando descalzo e baixo a auga nun patio embarrado de Lagos, a maior cidade de Nixeria, Anthony Madu de 11 anos converteuse nunha estrela viral. Estas imaxes conmoveron millóns de persoas nas redes, entre elas a actriz afroamericana Viola Davis e a prestixiosa compañía de danza American Ballet Theater que lle acaba de dar unha bolsa para estudar en Nova York cos mellores bailaríns do mundo.

"Estou feliz, vou subir a un avión... Todo isto é o que sempre soñei", di Anthony. 

Todos os días acode á Academia Leap of Dance, unha escola gratuíta aberta hai tres anos para ofrecerlles unha oportunidade a aqueles nenos con talento e obstinados na danza a pesar dos obstáculos aos que se enfrontan, económicos pero tamén culturais e sociais.

"Cando bailo sinto que estou na cima do mundo", e isto cóntao Anthony con verdadeira paixón. A todos nos cativan as historias de superación, e quizais a deste pequeno pasados anos acabe plasmada como a de Billy Elliot, nun extraordinario guión de película.

Noticias web

13/08/2020