Un neno de 6 anos resulta accidentado ao romper a tirolina dun parque público
Nun parque municipal situado no Areal, en Vigo, vivíronse momentos de preocupación cando un neno de 6 anos sufriu un accidente mentres montaba nunha tirolina, agora reconstruída de novo.
Leo Areal, pai do neno: "Colgamos a tirolina á súa altura, agarrouse e no momento que se impulsou o que vimos foi que o neno estaba totalmente en horizontal á altura da barra e caiu en prancha contra o chan".
A barra á que ía agarrado o cativo está unida ao resto da montura mediante un parafuso sen soldar, que sería o que afrouxaría provocando que a barra e mailo neno remataran no chan. Debido á magnitude do impacto, foi requirida unha ambulancia e mais a Policía Local para facer o atestado.
"Como non era precisa a UVI móbil chamaron a outra ambulancia para levalo ao Cunqueiro, fixéronlle placas e ao final non foi máis que o golpe, os arañazos das costelas e sobre todo o susto porque no momento o neno non respiraba nin parpadexaba"
Din os pais que a comezos de ano xa ocorreu un feito similar, polo que reclaman máis medidas de seguridade, e non desbotan presentar unha queixa ante o Concello.