CRTVG

Buscar

Un mozo de 25 anos recibe catro coiteladas esta madrugada na Coruña

Publicado o 24/06/2019 18:04

A noite do San Xoán fora tranquila pero, xa de mañá, un acoitelamento preto de Riazor causou preocupación na Coruña.

A agresión por arma branca aconteceu na céntrica rúa de Alfredo Vicenti, situada a escasos metros da praia de Riazor, pouco despois das oito da mañá. O presunto autor do acoitelamento empregou unha navalla de dez centímetros para ferilo nunha perna e no tórax. O ferido atópase "fóra de perigo", abundan as mesmas fontes, hospitalizado, mentres que o presunto autor da agresión foi levado a dependencias da Policía Nacional após ser detido pola Policía Local.

Carlos García Touriñán, director de Seguridade Cidadá da Coruña: "Houbo unha pelexa entre dous mozos e, nun momento dado, un deles acoitelou o outro na coxa. O ferido non perdeu o coñecemento en ningún momento...".

Foi a incidencia máis destacada deste San Xoán coruñés. Polo xeral, a noite foi tranquila e pechouse cun total de 175 intervencións no hospital de campaña, con 15 traslados ao hospital.

Carlos García Touriñán, director de Seguridade Cidadá da Coruña: "Todas elas de carácter leve: queimaduras, intoxicacións etílicas...".

Contra as seis da mañá, o comando de limpeza, composto por máis de 150 operarios e unha morea de vehículos e máquinas, comezaban a limpar estes areais urbanos.

E mentres os servizos de limpeza traballaban a pleno rendemento, varias cuadrillas de mozos seguían de troula... Moitos soñan xa co San Xoán do ano que vén.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/06/2019