CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Un mozo de 23 anos atou, violou e tentou prender lume a dúas estudantes de medicina, na Arxentina

Publicado o 12/07/2017 15:13





Na Arxentina un home violou dúas amigas, matou unha delas e foi durmir á súa casa a só 300 metros de distancia. A Xustiza non ten dúbidas de que o agresor foi un veciño da vítima. No país austral no mes de xullo a violencia machista está a deixar unha muller morta cada 24 horas.

A Arxentina está conmocionada por un novo e brutal episodio de violencia machista. Un mozo de 23 anos atou, violou e tentou prender lume a dúas estudantes de medicina. Unha das víctimas faleceu a causa das feridas, a outra puido dar a voz de alarma para que as auxiliaran. A Policía detivo o sospeitoso durmindo na súa casa, a só 300 metros de onde ocorreran os feitos."

Punta Lara, unha localidade balnearia a 60 kilómetros de Bos Aires, chora a morte de María Emma Córdoba, a estudante de medicina de 26 anos asasinada por un veciño.

Segundo a fiscalía, o agresor abordouna cunha arma na porta do seu domicilio e, xunto a outra compañeira que estaba na casa, torturounas, violounas e prendeulles lume para roubalas e eliminar evidencias.

"As respostas que buscamos son anecdóticas porque non a imos recuperar a María. O que si volvo repetir é que a morte de María non pode ser en van. Rapaces, o cartel de 'Nin unha menos' estásenos a caer en anacos".

Unha masiva mobilización baixo a consigna 'Hoxe por Emma, mañá por ti' volveu pedir Xustiza, pero tamén medidas máis eficientes porque este novo crime deixa unha muller asasinada por violencia machista cada 24 horas no que vai de mes, o que evidencia unha problemática que avanza sen freo no país austral.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí