CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

Un mozo abandonou Madrid para instalar unha casa de peregrinos en Trabada

Publicado o 08/03/2018 14:31

Deixou a súa carreira no sector audiovisual en Madrid para instalarse en Trabada, á beira do Camiño Norte a Santiago. É a historia dun mozo de 37 anos que acaba de construír nese concello lugués unha casa para peregrinos.

A ruta interior do Camiño Norte a Santiago é un traxecto pouco coñecido e tamén pouco frecuentado polos peregrinos. Hai só uns meses que este trazado que percorre concellos asturianos e galegos foi sinalizado. Os seus atractivos son as paisaxes verdes, os ríos e regatos e as vellas aldeas xa escasamente poboadas. Foron estes elementos os que atraeron a José Manuel, un mozo nado en Murcia e criado en Madrid que agora xa é un veciño máis de Trabada. A beleza e espiritualidade da zona levárono a gastar todos os seus aforros en rehabilitar esta casa do lugar da Trapa e convertela nun lugar en que acolle os peregrinos. A cambio, estes fan algún traballo na casa ou na horta ou deixan algún donativo para o mantemento do lugar.

José Manuel chegou a Trabada logo de comprobar que o tramo do camiño que pasa por Ribadeo estaba masificado. Aínda que os veciños lle dixeron que había poucas posibilidades de atraer peregrinos, o certo é que nos dez meses que leva aberto xa pasaron pola casa unhas trescentas persoas, a maioría delas estranxeiras. As redes sociais e o boca a boca son esenciais para dar a coñecer un tipo de establecemento que apenas existe nos distintos camiños. Este antigo cámara de televisión di sentirse plenamente integrado en Trabada e cada día traballa para mellorar as instalacións da súa vivenda e dos cuartos dos peregrinos.

Esta variante do Camiño Norte ten uns 21 quilómetros de percorrido. Entra en Galicia por Vegadeo e Abres e chega ata Trabada para logo continuar polos concellos de Lourenzá, Mondoñedo e Abadín.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí