Un motorista falece en Pontevedra tras chocar contra un sinal de tráfico
Un motorista faleceu esta tarde en Pontevedra despois de sufrir un accidente ao chocar contra un sinal de tráfico. O sinistro produciuse minutos antes das sete da tarde, segundo informou o 112 Galicia, na estrada PO-11, nas inmediacións do acceso sur á autoestrada AP-9. Por causas que se investigan o motorista perdeu o control do vehículo, saíuse da estrada e acabou chocando contra o sinal. Os sanitarios non puideron facer nada para salvar a vida da vítima, que faleceu practicamente no acto.
Ao lugar do accidente desprazáronse tamén a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local de Pontevedra, os Bombeiros de Pontevedra e voluntarios de Protección Civil. Tamén se alertou ao centro de xestión de Tráfico para manter a seguridade na estrada e tratar de restablecer a circulación e ao persoal de mantemento da AP-9.