CRTVG

Buscar

Un "mosso" detido por abusar dunha reporteira cando cubría un concurso de "castells"

Publicado o 31/08/2019 17:31

O home de 45 anos que foi detido baixo a acusación de abusos sexuais polos tocamentos e vexacións que denunciou unha reporteira que onte cubría o concurso de castells 'castelos humanos' de Sant Fèlix, en Vilafranca do Penedès (Barcelona), é un mosso d'Esquadra. Segundo informou a Efe a policía catalá, o detido é un axente dos Mossos d'Esquadra que estaba fóra de servizo no momento dos feitos e que pertence a unha colla castellera 'agrupación de casteleiros' que participaba na xornada de Sant Fèlix. O axente, adscrito a unha comisaría da zona do Penedès, foi arrestado onte despois de que a moza interpuxera unha denuncia en comisaría e identificar o autor dos tocamentos e as vexacións.

A reporteira denunciou que, cando estaba a cubrir a diada castellera de Sant Fèlix, en Vilafranca do Penedès, foi vítima de acoso sexual, xa que varias persoas a sobaron para facerse fotografías con ela sen o seu permiso e posteriormente acudiu un casteller que a colleu pola cintura, lle fixo tocamentos e a vexou. O detido pasou hoxe a disposición do xulgado de Vilafranca do Penedès, acusado dun delito de abusos sexuais, mentres que os Mossos d'Esquadra abrirán un procedemento interno para expedientalo.