Un modelo matemático predí que Galicia non terá novos contaxios a mediados de maio

Un modelo matemático elaborado por un equipo de investigadores galegos e portugueses para predicir a evolución da pandemia do coronavirus establece que a mediados de maio non haberá novos contaxios en Galicia, segundo explica o profesor de Física Aplicada da USC Jorge Mira, que se incorporou a esta investigación.
Mira asegura que "practicamente non vai haber moita circulación" na metade de maio. "Quedará algún contaxio residual", augura.
Esta investigación iniciouse o 11 de febreiro. O profesor de Matemática Aplicada da Universidade de Vigo Iván Area e o catedrático de Análise Matemática da USC Juan José Nieto, en colaboración con profesores da Universidade de Aveiro puxeron a punto un modelo e sintonizárono cos datos de Wuhan.
Este grupo presentou o 7 de marzo a predición para Galicia, "que se cumpriu moi ben", sinala Jorge Mira, pois estimaban que "o máximo da expansión sería a primeiros de abril e coincidiu perfectamente". Despois, Jorge Mira e o investigador do CSIC Luís Seoane incorporáronse ao estudo.
O físico recoñece que "ao cambiar o confinamento, cambian as condicións", pero explica que as medidas de distanciamento social e a concienciación fan que "a xente vai aprendendo, co cal agora o índice de multiplicación do virus xa non vai ser coma antes. Se a xente que queda coa enfermidade empeza a contaxiar, a curva podería remontar, pero eu creo que, co novo escenario social, nunca vai subir tan rápido outra vez".