CRTVG

Buscar

Un millón de persoas reclaman en Londres un segundo referendo do "brexit"

Publicado o 23/03/2019 21:06

Centos de miles de persoas reivindicaron hoxe, nas rúas de Londres, un segundo referendo do brexit. Os organizadores falan dun millón de participantes e xa son catro millóns os que asinaron un pedimento para cancelar a saída da Unión Europea. Algúns dos políticos participantes sinalaron que unha segunda consulta é a solución máis lóxica en medio de tanta confusión.

Unha multitude colapsou hoxe varias rúas de Londres, desde Park Lane ata o Parlamento británico, cun berro unánime a favor dun segundo referendo sobre o brexit. Os organizadores din que a participación se elevou a un millón de persoas e observadores independentes indican que non se vira unha manifestación de semellante magnitude na capital británica desde a celebrada en 2003 en contra da guerra de Iraq.

Pancartas e consignas centráronse na crítica a diversos políticos, desde Theresa May ata David Cameron, e tamén no engano con datos falsos que sufriu a cidadanía cando votou en referendo hai tres anos.

No acto, o alcalde de Londres, Sadiq Kan, dixo que "á marxe de a quen vote a xente, o que está claro é que o brexit constitúe un desastre".
Para a ministra principal de Escocia, Nicola Sturgeon, "é o momento de evitar tanto a catástrofe da falta de acordo como o mal acordo da primera ministra".
E o número dous do Partido Laborista, Tom Watson, dixo que "May deixou xa de falar en nome do Reino Unido".
Por certo, Watson é o máis ardente defensor, entre os laboristas, do segundo referendo.

Todos eles coincidiron en que se está a abrir unha luz de esperanza, pero no seo de People´s Vote, a organización que convocou esta manifestación, tamén son conscientes de que coa enconada situación política que se vive no país pode darse calquera alternativa.

As últimas enquisas indican que a permanencia gaña por uns 22 puntos de vantaxe sobre o acordo de saída de Theresa May e esa porcentaxe queda en 14 puntos a prol da continuidade na Unión Europea nun hipotético referendo no que os británicos tiveran que elixir entre entre quedar ou saír do club comunitario.

Noticias web

23/03/2019