CRTVG

Buscar

Un milleiro de grúas de papel para Hiroshima

Publicado o 17/01/2020 20:30

O Colexio Valle Inclán do barrio vigués do Calvario está a ter unha actividade de implicación colectiva que sae do que é a rutina destes centros. Escolares, ensinantes e ANPA están a facerse uns virtuosos na elaboración de grúas de papel. Un modelo de papiroflexia nada doado, polo que a factoría segue unha cadea de produción.

Gael. 6 anos, alumno do CEIP Valle Inclán de Vigo:"Os pequenos fan unha parte, os medianos outra e os grandes, remátana. Hai unha historia que di que se fas mil grúas cúmpreseche un desexo".

A lenda xaponesa di que o teu maior desexo farase realidade se constrúes mil grúas de papel. O reto está en marcha e mesmo non descartan poder pedir máis desexos bos para todos cando chegue o momento, coa fin deste mes. Por iso abren o reto á participación de toda a cidadanía. Xa lle chegou algunha caixa, como esta dun colectivo xitano.

Jonay. 10 anos. alumno do CEIP Valle Inclán: "Cen grúas que nos envía xente que sabe que estamos con este reto"

O destino final destas grúas será o parque da Paz de Hiroshima" Metelas nunha caixa e mandalas por correo ao Xapón, porque alí está a estatua de Sadako


Sadako Sasaki morreu aos doce anos como consecuencia da irradiación que lle produciu a bomba de Hiroshima. Os seus veciños dedicáronlle unha estatua onde aparece cunha grúa, que tamén adoptaron como imaxe representativa aquí.

Paula. profesora do CEIP Valle Inclán de Vigo: "Propuxémoslles aos representantes do Club de Convivencia de cada aula e pasamos o vídeo da historia de Sadako. Dixémoslles se lles gustaría que a grúa fose a imaxe corporativa do club e preparamos todo para propoñerlle o reto ao resto de compañeiros do colexio".

No CEIP Valle Inclán animan a quen queira sumarse, que vexa algún titorial en Internet e lles faga chegar as súas grúas de papel.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/01/2020