CRTVG

Buscar

Un mes sen novas do mozo coruñés que desapareceu en Ortigueira

Publicado o 18/08/2019 14:29

Os carteis coa foto de Yago de la Puente Agulló continuan lembrando a desaparición deste mozo coruñés de 28 años. Esta semana cumpríase xa un mes sen que a súa familia saiba do seu paradoiro. Yago, que é sobriño e afillado do ex-xogador deportivista Jaime Agulló, acudiu o 14 de xullo cuns amigos á última edición do Festival do Mundo Celta que se celebraba en Ortigueira. Alí perdéuselle a pista.

Dende entón, a súa familia organizou batidas de busca polas zonas próximas ao lugar da celebración do festival e tamén polos concellos lindeiros, pero non houbo sorte. A Garda Civil, que se encarga de investigar a desaparición do mozo, confirmaba hoxe que as pescudas para localizalo continuaban. Dende as redes sociais, a súa familia segue compartindo a foto do mozo para tentar atopalo canto antes.

Yago de la Puente mide 1,89 metros, ten cabelo negro e ollos verdes, e leva varias tatuaxes en brazos e pernas. Se alguén o viu, pode facilitar a información a través do teléfono 062 da Garda Civil ou contactar a través da dirección de Internet de SOS Desaparecidos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/08/2019