CRTVG

Buscar

Un mes da erupción do volcán Cumbre Vieja: 800 hectáreas sepultadas baixo a lava e sete mil palmeiros sen casa

Publicado o 19/10/2021 08:24

Era o 19 de setembro, ás tres e cuarto da tarde, cando o volcán entraba en erupción no municipio de El Paso. Levaban semanas con moitos tremores sísmicos e os científicos xa advertían que era inminente. Iso permitiu facer evacuacións preventivas e evitar que houbese vítimas persoais. Foi o único positivo dun desastre natural que cambiou a vida dos palmeiros para sempre. 

Segundo pasaban os días e o volcán continuaba vertendo lava, sucedíanse as evacuacións dos barrios da Palma, un tras outro. Unha semana despois da erupción, unha das imaxes máis impactantes foi a da lava que invadía o barrio de Todoque e levaba por diante a igrexa, ata daquela símbolo da resistencia ao volcán.

Aos dez días da erupción, o 29 de setembro, a lava chegaba ao mar na costa de Tazacorte, o cal reduciu en parte a destrución das coadas. A partir de aí, o volcán foi alternando procesos explosivos e efusivos e abriu novas bocas, alternando con terremotos que superaban os catro graos de magnitude. A rotura do cono principal a semana pasada acabou por engulir o que quedaba do barrio de Todoque, a lava arrasou o polígono industrial de Los Llanos e agora ameaza La Laguna. 

Nestas catro semanas, van 811 hectáreas arrasadas pola lava, 1.956 edificacións destruídas, ademais de numerosos danos en invernadoiros, plataneiras e 56 quilómetros de estradas. Trinta días despois, nestes momentos, dúas coadas avanzan en paralelo cara ao mar, están a uns 160 metros. Inda que desaceleraron, manteñen o seu poder destrutivo.

A mala calidade do aire obrigaba nas últimas horas a confinar sete mil veciños de El Paso. Esta medida vaise manter ata hoxe á tarde, cando se prevé que mellore o réxime de brisas. O volcán alterou o regreso ao cole dos nenos. Nos dous colexios de Tazacorte, ante a inminente chegada da lava ao mar, xa se volveron suspender as clases presenciais. 

Noticias web

19/10/2021