CRTVG

Buscar

Un menor, entre os tres novos usuarios de patinetes denunciados en Vigo por circularen pola beirarrúa

Publicado o 27/02/2020 13:42

A Policía Local de Vigo suma tres novas denuncias nas últimas horas a usuarios de patinetes eléctricos por circularen pola beirarrúa. Un deles era reincidente, outro ademais deu positivo en cánnabis e o terceiro é un menor, polo que a multa correspondente de 200 euros recaerá sobre os seus pais. 

Un dos tres usuarios interceptados por axentes da Policía Local de Vigo circulando pola beirarrúa nas últimas horas era reincidente, e iso que a instrución que publicou a Direción Xeral de Tráfico en decembro de 2019 prohibe claramente que os vehículos de mobilidade persoal transiten polas zonas peonís.

A partir de 6 km/h estes aparellos deixan de ser xoguetes e o seu uso só está permitido en vías urbanas, carril bici ou carril compartido. As prendas reflectantes e as luces son obrigatorias de noite, pero o seguro non o é, e o casco depende das ordenanzas municipais.

Por primeira vez en Vigo, un dos pilotos identificados tiña 17 anos e a multa recaeu sobre a súa nai. Tráfico explicita que os pais, titores, acolledores ou gardadores legais responderán solidariamente da infracción cometida por un menor.

Estes condutores tamén teñen obriga de pasaren controis de alcol e de drogas. En caso positivo, como foi un dos últimos denunciados en Vigo, o vehículo queda inmobilizado e ao usuario impónselle unha multa de 500 a 1.000 euros.

Noticias web

27/02/2020