CRTVG

Buscar

Xa son tres as persoas falecidas en España por golpes de calor

Publicado o 28/06/2019 20:18

Un home uns 80 anos morreu en plena rúa en Valladolid tras sufrir un desmaio. O falecido, segundo recolle un xornal da zona, citando fontes policiais e da investigación, camiñaba en plena vaga de calor, ao parecer "demasiado abrigado". Cando os sanitarios chegaron, só puideron confirmar a súa morte.

Ademais, na madrugada deste venres morreu o menor de 17 anos ingresado, desde este xoves, na UCI do Hospital Reina Sofía de Córdoba. Os servizos de emerxencia atoparon o mozo en estado comatoso, despois de que se mergullase nunha piscina tras unha calorosa xornada de tarefas agrícolas.

A estes dous casos súmase o de unha muller de avanzada idade que faleceu en Salamanca mentres se atopaba no interior dunha piscina privada. 

Tamén permanece ingresado en estado grave na UCI nun hospital de Murcia un traballador do campo de 45 anos, con síntomas provocados polas altas temperaturas.

A vaga de calor segue esta fin de semana

Ante estas situacións, urxe lembrar algunhas recomendacións. Evitar dentro do posible realizar actividades ao aire libre nas horas centrais do día e hidratarse ben. Porque aínda nos queda moita vaga de calor por diante.

España derrétese. 35 provincias están en alerta vermella por temperaturas que poderían superar os 42 graos. Onde máis risco hai é en Aragón. Onte xa se rexistrou alí a máxima temperatura: 43,3 graos en Almunia de Doña Godina. Cataluña non queda atrás. Tampouco na zona centro.

O peor é que non se ve o final. Semella que seguirá toda a fin de semana. Así que van saltar polo aire, cálido por suposto, os records de temperaturas para o mes de xuño.

Noticias web

28/06/2019