CRTVG

Buscar

Un membro do GES de Ribadavia queda ferido no incendio dun edificio

Publicado o 07/01/2019 14:16

Un membro do GES de Ribadavia quedou ferido no incendio acontecido esta madrugada nun edificio do centro da vila. O lume comezou no tellado, que acabou por ceder e caer sobre o terceiro andar. Os veciños do inmoble, que estaban nese momento na casa, por fortuna conseguiron saír a tempo e quedaron ilesos. Polo de agora non poderán volver ás súas casas ata que se avalíen os danos e se aseguren as vivendas. 

Foi contra a medianoite cando saltaron as alarmas e comezou a arder este edificio da praza García Boente de Ribadavia, en plena zona histórica. O lume afectaba principalmente o tellado do inmoble, polo que moitos temían que puidese propagarse con rapidez.

No momento do incendio, os veciños do segundo e o terceiro andar estaban nas súas vivendas. Por casualidade decatáronse a tempo do que acontecía e conseguiron saír ilesos e a tempo.

Os bombeiros do Carballiño e o GES de Ribadavia traballaron durante máis de tres horas nos labores de extinción. O lume comezou no tellado e propagouse o faiado, que acabou por colapsar por completo sobre o terceiro andar. Un dos membros do GES quedou ferido neste intre, rompeu a tibia e o peroné ao caer. A situación, din, foi bastante difícil.

Unha técnica do concello visitou esta mañá o inmoble para avaliar os danos, que semellan importantes. Polo de agora, haberá que desentullar e apuntalar as vivendas. Os veciños, que, por fortuna, saíron ilesos, non poderán volver aínda ás súas casas.


 

Noticias web

07/01/2019