CRTVG

Buscar

Un madrileño deixa a capital para coidar dos seus animais nunha aldea de Castroverde

Publicado o 08/10/2019 20:46

Andrés Abad pasa os días coidando dos seus animais en Sarceda, unha aldea de Castroverde. Este home nativo de Madrid non dubidou en deixar o seu traballo, a súa familia e toda unha vida na capital para reconstruír unha casa e preparar as leiras para atender os gamos, cabras, ovellas e todo tipo de aves que posúe.

O clima de Galicia, as paisaxes e a tranquilidade do rural levárono a tomar a decisión. E iso que non visitou Castroverde ata que xa tiña mercada a propiedade, da que tivo noticia a través de Internet. Agora di que non se arrepinte e asegura que non pensa volver a Madrid para nada.

"Aquí hai unha calidade de vida que non tiña en Madrid. Alá vivía agobiado e aquí son feliz cos meus animais".

Andrés adquiriu a afección polos animais mentres traballaba no zoo de Madrid. O clima húmido e as temperaturas suaves de Castroverde son máis axeitados que a sequidade e a calor da capital para os seus animais, algúns deles en perigo de extinción. Agora xa está a realizar os trámites para poder converter a súa propiedade nun pequeno zoolóxico aberto ao público. Di que, polo momento, está a perder cartos, pero asegura que na natureza está a felicidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/10/2019

Máis sobre castroverde