CRTVG

Buscar

Un lume queima completamente a cuberta da Casa da Música en Chantada

Publicado o 11/07/2020 10:15

O lume espallouse con moita rapidez, xa que o material era de madeira. A rápida intervención dos bombeiros evitou que as lapas se espallasen cara aos edificios lindeiros. Malia o aparatoso do incendio, o lume non afectou a estrutura da construción e tampouco houbo danos persoais.

Deste xeito lucía esta madrugada o auditorio do concello lucense de Chantada, cos danos do lume aínda recentes e cun intenso cheiro a fume no ambiente. Foron varias as persoas que pasaban pola praza de Galicia da localidade chantadesa as que avisaron da presenza das lapas. Primeiro na base das escaleiras de madeira e despois espallándose cara arriba rapidamente, aceleradas polos vernices e os materiais sintéticos que a recubrían.

A fumareda facíase cada vez máis intensa e a preocupación por danar a estrutura do propio auditorio ou afectar algún edificio lindeiro ía medrando. Ao pouco tempo xa se presentaron os Bombeiros de Chantada, así como efectivos das brigadas forestais, Protección Civil e forzas policiais. Á rapida intervención permitiu controlar o lume en poucos minutos e extinguilo sobre as nove da noite.

Os maiores estragos producíronse na parte exterior. Fontes policiais e dos bombeiros apuntan que o interior do edificio e a súa estrutura non sufriron dano ningún, polo que, cunha ventilación axeitada, poderá empregrarse de colexio electoral este domingo, como estaba previsto. As orixes do lume estanse a investigar.

Noticias web

11/07/2020