CRTVG

Buscar

Un lume causado na cheminea da cociña arrasou unha vivenda na Fonsagrada

Publicado o 13/03/2018 14:11

O lume arrasou por completo unha vivenda do lugar da Sendiña, na Fonsagrada. Segundo o seu propietario, as lapas comezaron pola cheminea da cociña de leña e destruíron a vivenda en moi pouco tempo. O home tivo tempo de sacar do inmoble a súa tía, que ten problemas de mobilidade. A intervención dos bombeiros evitou que o incendio se estendera ás casas lindeiras.

Aínda fumega esta vivenda do lugar da Sendiña, na Fonsagrada, que comezou a arder contra as tres da madrugada. Na casa viven un home e a súa tía de avanzada idade. Afortunadamente, o propietario puido saír a tempo do inmoble e sacar a muller. Pero a intensidade do lume fixo que perderan todas as súas pertenzas. Segundo di, as lapas comezaron no interior da cheminea da cociña de leña e propagáronse rapidamente polo resto dos cuartos. Aínda que tentou utilizar unha mangueira para frear o seu avance, nada puido facer para salvar a casa. A chegada dos bombeiros conseguiu, polo menos, que non ardese tamén a vivenda lindeira, aínda que o lume si que lle afectou a parte do tellado.

Ata o lugar acudiron efectivos de Protección Civil da Fonsagrada, que se encargaron de controlar o lume ata que chegaron os bombeiros de Sarria e os GES da Pontenova. Nos labores de extinción do incendio colaboraron tamén veciños da Sendiña, que utilizaron as súas cisternas para levar auga e auxiliaron os bombeiros e os outros operarios. Os veciños sinalan que, aínda que os efectivos chegaron o máis rápido que puideron, o lugar está a máis de media hora da Fonsagrada. Aínda así, axudou o feito de que os vehículos quedan sempre preparados de noite. O feito de que rebentasen todas as ventás e placas da casa dá idea da virulencia do incendio.

Agora os veciños e o Concello da Fonsagrada xa estudan como van axudar o home e a súa tía porque o incendio deixounos sen todas as súas posesións e tampouco teñen outro lugar no que residir.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/03/2018