Un lugués denuncia extorsión por parte dos seus inquilinos, que non se foron pese a que lles devolveu os cartos
Pagáronlle a fianza e mais o primeiro mes de alugueiro dunha vivenda da súa propiedade, pero a partir de aí todo foron problemas. O dono dun piso na luguesa praza de Bretaña denuncia que non só non recibiu máis pagamentos pola ocupación do inmoble, senón que lles tivo que devolver o importe para que se fosen, e aínda así ségueno ocupando. Asegura, por tanto, ser vítima de extorsión por parte dos inquilinos.
Luis Abelleira, dono do piso: "Reclameilles que tiñan que pagar, evidentemente, e a resposta foi que non, que eles coñecían a lei e que podían estar aí un montón de meses. Pedíronme cartos para marchar do piso, e eu díxenlles que non había ningún problema. Aínda que sexa unha coacción, eu prefiro recuperar o piso. Pero enganáronme, nin con esas. Aínda que reciban cartos para marchar do piso, empezan a poñer excusas, que non poden ir a ningún porque moita xente non lles quere alugar".
O propietario afectado fala, por tanto, de ocupación ilegal do seu piso dende o pasado mes de novembro. Segundo puido saber despois, os inquilinos fixeran o mesmo noutras localidades.
Luis Abelleira, dono do piso: "Sei que xa o fixeron en máis sitios. Polo que me contaron, fixérono na Coruña e en Ferrol. Esta xente estase aproveitando da lei, unha lei que é para a xente que ten problemas de verdade. Eles aprovéitanse para estafar a xente e pedirlle cartos. E polo que me contaron tamén, nesta zona hai varios, preto da estación de autobuses, e noutras zonas de Lugo. Hai varias familias que me dixeron que son parentes. É unha especie de rede montada para estafar a xente, entrar nos pisos, vivir uns meses gratis e, por riba, quitar cartos".
O dono do piso ocupado estuda agora poñerlles unha demanda aos seus inquilinos.