CRTVG

Buscar

Un veciño de Lousame ten más de 120 especies de árbores nas súas parcelas

Publicado o 16/06/2021 14:08

Ten miles de árbores no monte e en tres plantacións que no seu tempo foron terreo agrícola no concello de Lousame. É Chico, carpinteiro xubilado e coa diversidade arbórea como bandeira. Di que andarán sobre 120-130 variedades as que crecen nas súas parcelas. Pedímoslle que nos diga as tres que valora máis.

Chico Martínez Calvo, propietario das árbores: "Para min, unha das árbores máis maxestosas é o cedro, en calquera das variedades desde o Líbano ao Atlas, calquera. A sequoia, tamén, e o cedro do Xapón, que ten un crecemento moi rápido cunha madeira considerada boa".

Fala con paixón de cada árbore e da singularidade de cada variedade, como as espiñas que ten este tipo de acacia estadounidense ou a distinta cor que teñen no envés e no revés as follas do pradairo do que sae o xarope. Chico é moi crítico co abandono en que está o monte e a proliferación de eucaliptais en Galicia: "Cantidade de zonas húmidas que había nos nosos montes están hoxe escasos de auga onde plantaron eucaliptos".

Á pregunta de que árbore compaxinaría rendibilidade e integración ambiental en Galicia Chico afirma que "o piñeiro piñoneiro. Aquí medra e produce moito. Sería unha riqueza, porque colleriamos as piñas para sacarlle o piñón, que é un dos frutos secos caros do mercado. Ademais teriamos os solos cultivados, podería haber gandería debaixo e caza, e cogomelos. Sería unha riqueza, pero temos o monte totalmente abandonado".

E a quen hoxe son mozas e mozos Chico anímaos a que planten árbores a xeito de plan de pensións: "Se ten unha plantación de castiñeiros, cedros e nogueiras, cando chegue á xubilación ten aí unha xubilación. Iso é o que lle digo a moitos rapaces; planta se tes sitio", di Chico Martínez.

Noticias web

16/06/2021