CRTVG

Buscar

Un loteiro da Coruña podería ir a xuízo por un presunto delito de apropiación indebida dun boleto premiado

Publicado o 19/10/2021 09:38
Un loteiro da Coruña podería ir a xuízo por un presunto delito de apropiación indebida dun boleto premiado

Na Coruña, hai novidades sobre o caso do boleto da primitiva premiado que busca dono. Despois de anos de investigacións, parece que o xuízo podería estar cada vez máis preto. Un auto da maxistrada do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña, que acaba de facerse público, conclúe que estes feitos, que sucederon en xullo de 2012, poderían ser constitutivos dun presunto delito de apropiación indebida dese boleto premiado con algo máis de 4,7 millóns de euros.  

No auto sinala como investigados o loteiro de San Agustín, que asegura ser o que atopou a primitiva na súa administración, tamén o seu irmán, o delegado provincial de Loterías e catro directivos máis. Os que si quedan xa fora do proceso son outros tres responsables de Loterías, aos que tamén se lles tomou declaración.

A maxistrada insta as partes, incluída a Fiscalía, a que agora dean o seguinte paso, que sería solicitar a apertura do xuízo oral, o sobresemento da causa ou a práctica de novas dilixencias.

As investigacións policiais levadas a cabo concluíron que o dono do boleto é un home que xa faleceu, que selou catro boletos nunha administración de Alfonso Molina e que os comprobou días despois nesa de San Agustín.

Noticias web

19/10/2021