CRTVG

Buscar

Un ladrón esquece un caderno cos seus datos na vivenda ferrolá que asaltou

Publicado o 08/02/2021 14:15

Foi este sabado pola mañá, arredor das nove, cando o ladrón asaltou unha vivenda da rúa Casal dos Ovos, en Ferrol. Entrou na casa pola parte posterior tras saltar o valado e forzar a persiana e unha ventá.

Nese momento había xente dentro, durmindo. Un dos residentes oíu ruído no salón, ergueuse e foi cara a esa estancia, onde o sorprende que quen alí estaba non era niguén da casa nin coñecido.
O ladrón botou a correr e foise. Levou o que collera de botín, pero na fuxida quedoulle atrás un elemento que ía ser clave no seu futuro inmediato. A sorprendida residente chamou a policía, que chegou axiña e contoulle o que acababa de pasar.

José Antonio Chao, xefe da Policía Local de Ferrol: "Durmindo oíu ruídos no salón. Ergueuse e viu un home. Deunos a descrición e tamén nos facilitou unha bolsa en que había un bloc de notas cun nome. Bolsa que lle caeu ao rapaz cando fuxiu. Coa descrición e co bloc de notas, co nome que tiña anotado, coincidía moito cun delincuente habitual identificado doutras ocasións e articulamos un dispositivo de busca".

Os axentes emprenderon a busca do ladrón. Deron con el, pero non tiña os obxectos que a dona da casa botaba en falta. Ao interrogalo acabou confensando onde agochara o material, un botín ao parecer completo que incluía correspondencia da dona da casa.

"Entendemos que todo o que levou da casa, cartos, cartillas do banco, cartas de correo que tamén levou non sei para que, pero que as levou. Todo se recuperou", di o xefe da Policía Local de Ferrol.

O individuo, residente en Ferrol desde hai varios anos, foi detido e está desde onte no cárcere.

Noticias web

08/02/2021