CRTVG

Buscar

Un labrador de Xeve, en Pontevedra, denuncia os estragos do xabaril nas súas leiras

Publicado o 20/06/2019 16:20

As pegadas do xabaril son máis profundas cando se achega o verán e remata a época de cría. 

"Foi sementar o millo e o xabaril aos poucos días xa entrou na veiga. Leva vindo tres semanas todas as noites. Eu chamo á Xunta, pero non solucionan o problema", di Joaquín Correa, propietario da leira.

Joaquín traballa varias leiras en Xeve, Pontevedra, e en todas sofre o xabaril. Mesmo nas que están pechadas. Di que está farto del e da burocracia, que só lle esixe papeis. Nun caso coma este corresponderíalle unha indemnización de 13 céntimos por metro cadrado estragado. Se fose un prado, rebaixaríase a 7 céntimos. Pero Joaquín non fala de cartos.

"Pedir cartos é inútil. Fago un escrito e dentro de oito días teño que facer outro... Eu o que quero é que os quiten de aquí".

Por medo ao xabaril só botou millo nesta leira. E por medo ao xabaril segou a herba doutra antes e reduciu a colleita nun terzo. Di que espantalos con cans tampouco é moi eficaz e pide outras medidas. 

"Que fagan batidas, que os leven para as súas casas ou que os pechen no monte. Que os quiten das veigas. Eu son o único que protesta porque aquí hai xubilados, pero eu estou activo neste traballo. De que vivo entón?".

O ano pasado houbo 1.335 avisos por este tipo de casos. As batidas en Galicia aumentaron un 28%. Rexistráronse case 22.000, en que se cazaron 16.200 xabarís.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/06/2019