CRTVG

Buscar

Un labirinto de millo para perderse polo concello de Teo

Publicado o 30/08/2021 15:18

O labirinto do millo é sinxelamente iso, unha plantación de millo onde perderse. O Concello de Teo buscaba unha fórmula de promoción turística. A idea achegouna a concelleira de Turismo, tras visitar unha granxa nunha viaxe a Inglaterra

María López Álvarez, concelleira de Turismo e Desenvolvemento Local de Teo, relata que "como parte da experiencia desta granxa promovían que tiñan un labirinto de millo, fomos facelo, unha cousa moi parecida a esta que temos aquí e pareceume superdivertido, moi sinxelo. Todo o mundo o pasou ben, adultos e pequenos. Moi fácil de facer realmente unha vez que fas o clic".

E veu a execución da idea: plantar de millo unha hectárea de terreo e deixar que a natureza crease os camiños, hai sinais que marcan as rutas e lugares para descansar ou xogar.

"Unha cousa nova, distinta, así que moi ben", segura unha visitante. 

En setembro o millo acadará a maior altura antes da colleita, un momento que vai ser aproveitado.

A concelleira de Turismo e Desenvolvemento Local de Teo explica que "hai scape rooms os xoves e os venres para familias e tamén para adultos de distintas temáticas, e aí xa cando vai caendo o sol, que nos parece misterioso o de perderse no labirinto cando xa non hai moita luz. Temos tamén organizada unha festa apego, para bebés de 0 a 6 anos".

Despois haberá unha despedida, porque no mes de outubro é cando se recolle o millo. A intención é dicirlle ata logo ao labirinto, a previsión é repetir a experiencia o ano que vén.

Noticias web

30/08/2021