CRTVG

Buscar

Un investigador da UVigo dirixirá un estudo sobre a produción de metástase no cancro

Publicado o 21/07/2020 18:58
Un investigador da UVigo dirixirá un estudo sobre a produción de metástase no cancro

O director do Laboratorio de Filoxenómica da Universidade de Vigo (UVigo), David Pousada, será o responsable dun proxecto que busca entender como se produce o proceso de metástase no cancro.   

O traballo desenvolverase durante catro anos en colaboración co grupo de Oncoloxía Médica  Traslacional (Oncomet) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e conta cun orzamento de 363.000 euros, segundo trasladou a universidade.   

Precisamente, este foi un dos 33 proxectos de investigación para os que a UVigo conseguiu un financiamento que ascende a 3,7 millóns de euros no marco da convocatoria de i+D+i da Axencia Estatal de Investigación.

A iniciativa que dirixirá David Pousada foi a que obtivo un maior orzamento das da UVigo e levará a cabo en colaboración o doutor Roberto Piñeiro do Oncomet.

Pousada detallou que o obxectivo deste proxecto, no que traballarán cinco profesionais, pasa por "entender que papel xogan as células tumorais circulantes". Mediante técnicas de xenómica e evolución e un modelo animal, explicou que se aspirará a "coñecer os seus principais roteiros de emigración".

Así, o investigador avanzou que se estudará se nos grupos de células que viaxan xuntas se atopan distintos tipos con diferentes funcións e se estas "colaboran entre si para ser máis efectivas á hora de colonizar un novo órgano".

Para iso, inxectarase unha liña celular tumoral de cancro de mama a ratos que se marcará cunha  fluorescencia verde para poder ver como se dispersa.

Deste xeito, permitirase que creza o tumor no rato, tras o que se sacrificará para estudar a configuración xenómica destas células.