CRTVG

Buscar

Un instituto de Mondoñedo gaña o Galiciencia cun proxecto sobre biodiversidade

Publicado o 14/05/2018 21:15

Os alumnos de Bioloxía do Instituto San Rosendo de Mondoñedo foron os gañadores do Galiciencia, que organiza a Xunta. O premio levárono por un proxecto para conservar a biodiversidade na súa comarca. O que fixeron foi observar e axudar os paxaros e morcegos da contorna. Agora queren que toda a vila se implique na iniciativa.

Estes sete alumnos de bioloxía do Instituto San Rosendo de Mondoñedo pasaron meses saíndo ao monte a recoller restos e facer observación das aves e os morcegos da contorna da cidade. Analizaron os restos fecais, visitaron asa árbores que os acubillan e construiron estes niños para curuxas, mouchos e morcegos. Tanto esforzo viuse recompensado coa obtención do primeiro premio no certame Galiciencia que organiza a Xunta de Galicia. Agora queren continuar co proxecto e que toda a vila tome parte nel.

Os rapaces sinalan que a clave do seu éxito está no traballo en equipo e no amor polos animais. Agora xa se clasificaron para un concurso similar en Barcelona o vindeiro ano no que esperan repetir triunfo. Este venres van dar unha charla no auditorio de Mondoñedo para explicar o seu traballo.

Noticias web

14/05/2018