CRTVG

Buscar

Un instituto de Lugo fabrica o dron máis grande de España

Publicado o 30/06/2021 15:12

O instituto As Mercedes de Lugo presume de ter fabricado o dron máis grande que existe en España. Tanto que pode cargar cun coche e dous ocupantes. Ten máis de cinco metros de longo. Cada un dos seis brazos do aprello leva un motor de parapente que soporta cen quilos de peso, polo que pode con cargas de ata 450 quilos. O alumnado do Ciclo superior de Eficiencia Enerxética leva todo o ano traballando neste proxecto.

"A principios de ano empezamos co deseño do motor e despois xa fomos facendo as seguintes partes", conta un dos estudantes. "Deunos bastante traballo facer os moldes para montar as pezas, deseñar as hélices, conseguir que pesara pouco", explica outro.

Os brazos do avión non tripulado son de fibra de carbono, un material máis lixeiro e resistente que o aceiro. Posto que pode cargar con tanto peso, o aparello terá múltiples funcionalidades pero, en principio, ía dirixido ao sector eólico.

"A idea é que a máquina poida limpar as pas dos aeroxeradores sen ter nada conectado a terra. Que faga unha limpeza levando unha balsa de auga. Pero tamén serve para extinción de incendios en edificios moi altos, onde un camión motobomba non ten presión suficiente. Tamén pode servir para rescate, e de feito a segunda parte do proxecto, que comezaremos en setembro, consistirá en que leve un vehículo eléctrico que se poida acoplar para a mobilidade aérea", relata Víctor Paz, mestre do centro.

Este proxecto pioneiro e con tantas posibilidades supuxo un investimento de 80.000 euros.

Noticias web

30/06/2021