CRTVG

Buscar

Un indixente salva a vida de milagre tras derrubarse unha casa abandonada en Foz

Publicado o 18/08/2020 14:02

Un indixente salvou a vida de milagre despois de que cedera parte da casa abandonada que utilizaba como refuxio. Tanto o home coma o seu can conseguiron saír ilesos entre os cascallos. A casa xa presentaba un avanzado estado de ruína, polo que habitala era moi perigoso.

Varias décadas leva abandonado un grupo de casas no barrio de Marzán, en Foz. Aínda así, un indixente decidiu instalarse nela hai varios meses. Por efecto da última chuvia e do paso do tempo, a placa do inmoble que estaba en mellor estado veu abaixo.

Tanto o indixente como o seu can estaban nese momento dentro da casa, pero tiveron a fortuna de resultar ambos ilesos e só tiñan pequenas mancaduras. Agora todo o lugar está precintado para evitar que alguén máis entre nel ante o risco de derrubamento total.

"Recibimos aviso de que caera parte dunha vivenda e viñemos rapidamente porque podía suceder que o habitante e o seu can estivesen debaixo dos cascallos. Non foi así e ambos saíron polo seu propio pé", cóntanos Bárbara Ramos, de Protección Civil de Foz.

Ata o lugar do derrubamento trasladáronse efectivos de Protección Civil de Foz, Bombeiros de Barreiros e Garda Civil. Sinalan que, se estivesen noutra parte da casa cando se produciu o derrubamento, tanto o home como o can poderían estar mortos.

De feito, que saísen da casa polo seu propio pé evitou un rescate que podería ser moi dificultoso. O indixente foi trasladadado a un local de hostalería, onde pasou a noite, mentres que o can está nunha protectora de animais.

"É unha zona sen iluminación. Só tiñamos lanternas. Na ambulancia comprobouse que o home estaba ben e que non lle pasara nada. Desta vez houbo sorte", coméntanos Bárbara Ramos.

O indixente leva uns oito anos residindo en Foz e xa estivo ocupando diferentes casas abandonadas e en mal estado. Agora os servizos sociais xa lle buscan unha residencia menos perigosa.

Noticias web

18/08/2020