CRTVG

Buscar

Un indixente atopa un bebé morto nun colector en Madrid

Publicado o 09/02/2019 20:19

O indixente que deu co cadáver cando buscaba entre o lixo do colector chamou á policía. Díxolles que atopara o bebé, varón, de raza branca, xa morto, dentro dunha bolsa de plástico. Nuns minutos os sanitarios do Samur chegaron ao lugar do suceso, a rúa Laguna do distrito madrileño de Carabanchel. Mentres o home que atopou o corpo tivo que ser atendido por un ataque de ansiedade a comisión xudicial procedeu ao levantamento do cadáver. A primeira hipótese de traballo é que o bebé levaba unhas horas morto. Tiña o cordón umbilical sen pinzar e na bolsa había restos da placenta. O colector fora baleirado esta madrugada. O grupo V de Homicidios da Policía Nacional e a Policía Científica interrogaron o indixente, que habitualmente recolle ferralla no barrio, en calidade de testemuña, e a varios veciños. Acordoaron a zona en busca de indicios criminais e dalgunha pista que os poida conducir á nai. Non se sabe se o cativo foi depositado vivo ou morto. Mañá practicaranlle a autopsia co fin de determinar o seu ADN e a data e as circunstancias da morte.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/02/2019