CRTVG

Buscar

Ordenan quedar na casa aos veciños de dúas vilas polo incendio de Tarragona

Publicado o 27/06/2019 13:40

A dirección xeral de Protección Civil da Generalitat odendou a toda a poboación de Bovera e aos anciáns, embarazadas e bebés e persoas con problemas respiratorios de Maials que permanezan nas súas casas a causa do incendio de Ribeira de Ebro.

Paralelamente, os Axentes Rurais pecharon como medida de precaución os accesos aos macizos de Montsant e aos Ports de Tortosa, debido ao alto risco de incendio, así como en Montsec.

Os bombeiros traballan nas dúas frontes do incendio, que abrangue un perímetro de 128 quilómetros, apoiados desde o aire por cinco helicópteros e dous avións. Esta mañá incorporáronse aos traballos de extinción varias aeronaves máis e 120 soldados da UME chegados de Zaragoza.

A principal preocupación está no flanco dereito do incendio, unha zona de orografía complexa con moitos barrancos de difícil acceso.

O outro factor determinante son as previsións meteorolóxicas, que auguran ventos máis frouxos, pero temperaturas por riba dos 35 graos na bisbarra tarraconense de Ribeira de Ebro.

O lume queimou xa preto de 5.500 hectáreas e, segundo as autoridades, o seu potencial devastador ameaza unhas 20.000 en total. As 50 persoas desaloxadas pasaron a noite no centro de acollida instalado en Flix ou en casas particulares. Os axentes rurais da Generalitat sitúan a orixe do lume na esterqueira dunha granxa.

 




 

Noticias web

27/06/2019