Un incendio arrasa unha casa de madeira en Antas de Ulla
As lapas arrasaron unha vivenda unifamiliar de madeira no concello lugués de Antas de Ulla. Os equipos de extinción atoparon a casa xa envolta en lapas e non puideron salvar nada. Por sorte, a dona non estaba nese intre no interior. Unha cheminea de leña tamén parece ser a orixe do lume.
Non quedou nada da casa de madeira situada no lugar de Santiso, no concello lugués de Antas de Ulla. Malia os esforzos dos bombeiros de Chantada e do equipo do GES de Monterroso, as lapas devoraron por completo a construción.
Nese momento non había ninguén no interior, a dona da vivenda saíra, e foi ela a que avisou o 112 ao ver a súa casa envolta polo lume. Non sufriu danos, pero quedou sen nada. Todo a punta que o incendio comezou nunha cheminea que estaba acesa. A media tarde o equipo do GES de Monterroso seguía arrefriando a zona.
Máis de 20 anos de vida nesta casa quedaron calcinados polo lume. O alcalde de Antas de Ulla asegura que xa lle ofreceu á familia pasar uns días nun hotel, porque aínda que ten outra vivenda, non ten auga nin luz. O rexedor di que desde Servizos Sociais van facer todo o posible para buscarlles unha solución.