CRTVG

Buscar

Un incendio orixinado na vía do tren calcina un alpendre no Lérez

Publicado o 14/07/2020 14:40

Un peregrino  deu a voz de alarma ao ver lume. Eran pouco máis das tres e media da tarde, e por sorte os veciños desta rúa da Gándara aínda estaban na casa. Saían traballar cando comezou o incendio que, segundo di unha veciña, foi "espantoso".

O vento axudou a que o lume avanzara rápido polo noiro, achegándose ás casas. Comezou pegado á vía e xusto despois de pasar un tren, así que cren que unha chispa puido ser a orixe.

Conta Sabino Outeda, o veciño que levou a maior parte dos danos, que "pode ser que salte algunha chispa dos freos do tren", e que prendera coa "calor e o vento" que ía onte. Na súa casa, o lume chegou a saltar o valo e calcinoulle o alpendre.

Ao primeiro foron os propios veciños os que tentaron controlar o lume con mangueiras e baldes de auga. Axiña se sumou unha parella da Policía Nacional que pasaba pola zona e acudiu alertada polo fume. Foi a sorte, porque os bombeiros estaban atendendo un accidente grave na zona xusto nese momento. "Vímonos totalmente desamparados" di unha veciña, que cualificou de "heroes" os policías que os socorreron. 

Ás tarefas de extinción sumáronse o helicóptero, tres brigadas e tres motobombas da Xunta e, finalmente, tamén os bombeiros de Pontevedra. Arredor dunha hora tardaron en estabilizar o incendio, que arrasou uns tres mil metros de terreo. Ademais do alpendre e do susto, non houbo danos graves que lamentar.

Noticias web

14/07/2020